22/9/11

Reciclar edificios?

Agrádame reciclar cousas. Máis ben diría «reutilizar», pero quedarei con «reciclar», que é a palabra que se emprega acotío. Pois si, agrádame reciclar; paréceme ben volver usar calquera cousa que semella xa aspirante ao punto limpo, pero que verdadeiramente aínda pode ser útil moito tempo.
Reciclar, ademais, é as veces un pasatempo ben xeitoso e sen dúbida unha maneira de administrar os cartos con sentidiño. Un bo exemplo o atopamos nas computadoras; a miúdo, máquinas que xa parecen estar en idade de xubilarse, poden funcionar moito tempo só substituíndo o seu sistema operativo (aquí, perdón, unha distribución de Linux é case a única solución).
Pois o mesmo pasa cos edificios. Cando se precisa un espazo para un organismo público, é certo que as veces hai que facer unha construcción nova, pero tamén é certo que hai moitos vellos, fermosos e históricos edificios que poden reciclarse para outra vez ser útiles moito tempo. Cando isto se fai, o resultado adoita ser interesante: o edificio dunha vella fábrica de cervexa ou dun hospital acollendo agora unha escola de música ou unha biblioteca. Unha mestura de tempos, espazos e funcións que é, cando menos, singular.
Imos entón ao obxecto desta entrada, que é desfrutar dun vídeo acerca do edificio da Biblioteca de Catalunya. Trátase dunha construcción do Século XV que acolleu ata o pasado século o Hospital de la Santa Creu, e que en 1931 foi reciclado polo concello da cidade de Barcelona para ser o edificio da biblioteca. E como antes xa diciamos, resulta cando menos singular observar esas salas e corredores, ocupadas no tempo por un contido (permitídeme a expresión) tan diferente.
Este reciclaxe de antigos edificios para acoller bibliotecas o atopamos noutras institucións da cidade de Barcelona. Unha das bibliotecas da Universidade Pompeu Fabra que ocupa un antigo depósito de auga (o espazo chama verdadeiramente a atención), ou unha das bibliotecas públicas da cidade instalada na antiga fabrica téxtil Vapor Vell (botade unha ollada á colección de imaxes antigas sobre a fábrica que ten a biblioteca en Flickr).
Hai que ir pechando a entrada. O resumo é o seguinte: reutilizar antes de tirar e volver facer ou mercar, é as veces unha intelixente práctica.

Ata outra!


16/9/11

Tarefas pendentes!

Un saúdo! Xa andamos de novo por aquí; un chisco tarde pero co repouso do Verán hai que ser ben cumpridores. O caso, esta primeira entrada de Setembro é preciso adicala a dúas tarefas pendentes: a publicación do relato gañador do Cóntamo con tempo, e uns apuntamentos sobre o premio escollido para este concurso. Comezaremos polo premio. Os que estivestes no acto do pasado Xuño, lembraredes que o agasallo escollido foi unha figuriña dun merlo en cerámica da nosa, Sargadelos. Ao elixirmos o premio para o Cóntamo con tempo fumos á procura dun agasallo que ademais de xeitoso agochase certo significado. Un paxariño, neste caso un merlo, representa para nós un feixe de cousas. A súa brevedade, tanto no tempo como no espazo, que é tamén a brevedade dos microrelatos; a sinxela e brillante elegancia da súa cor, que simboliza tamén a simplicidade do exercicio de contar unha pequena historia só cun lapis e un papel sen que esta resulte vulgar. A fermosura na música do seu canto, que dicir disto? A súa presenza na nosa terra e nas letras do noso cancioneiro popular (Eu quixera ser merliño, e te-lo pico encarnado...). E para rematar, a arte da nosa cerámica, parte xa da cultura e a tradición do noso pobo. Por todo isto escollimos o merliño, que ben esperamos volva atoparse con nós como premio da seguinte edición do concurso.
E a outra tarefa pendente: a publicación do traballo gañador, escrito polo noso estudante de Tuba Denís Blanco Carbón. E ben certo que baixo unha árbore é o lugar máis axeitado para escoitar o canto dun merlo; aínda así, aquí vos deixo unha gravación deste. Mesmo pode acompañar a lectura do relato de Denís!

Ata outra!