27/10/10

Encontros BEG!!

Venres 29 de Outubro, 16 horas: recollida de documentación... 18 horas: inaugúranse no os III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia. Durante a tarde do Venres e todo o día do Sábado, unha marea de docentes algo tolos inundará o Palacio de Congresos de Santiago para desfrutar e aprender (coma sempre) un feixe de cousas, que logo a ver se empregamos nas bibliotecas dos nosos centros. Coma xa sucedera o pasado ano, o espazo Moodle das BE vai recoller todo o material dos encontros.


Aquí vos vai o programa e xa vos seguiremos contando...

Un saúdo!

24/10/10

O Mércores: empréstitos e carnés!

Agardamos que este Mércores 27 o servizo de empréstito e as solicitudes do carné de lector boten a andar. Sabemos que o desexable sería que xa o primeiro día do curso o horario da Biblioteca estivese concretado e todos os seus servizos funcionasen, pero isto é algo moi poco posible; nas primeiras semanas os horarios das clases aínda están a estabrecerse e ademais os novos membros do claustro que teñen parte do seu tempo na Biblioteca precisan coñecer o seu funcionamento.
Pouco a pouco, que calquera día mesmo acadamos os cumios bibliotecarios da DOK, a biblioteca pública da cidade holandesa de Delft (de onde era Vermeer). Se non oístedes falar desta biblioteca, por exemplo o que aparece na fotografía é a Ágora, un espazo no que os usuarios poden ler, ou argallar no portátil, tocar o piano, tomar un café (segundo contan, moi bo). Seica aínda moi transgresor para nós? É posible que non, ou alomenos pode levarnos a algún ca outro interesante debate acerca de cuestións bibliotecarias.
Vexamos, ligazóns. Se queredes visitar a galería de imaxes da DOK, o seu web, e unha entrevista a Eppo Van Nispen, o responsable da idea.

Ata outra!

10/10/10

Proms 2010

Xa andan polo YouTube os vídeos da Last Night dos Proms deste ano. Na entrada do pasado mes adicada a este concerto vos deixaba co Rule, Britannia! de Thomas Arne; hoxe o fago cunha composición verdadeiramente fermosa, o himno Jerusalem escrito polo compositor británico Hubert Parry a partir dun poema de William Blake. Advirto: a cousa emociona...

Desfrutádea!



7/10/10

Aínda as Letras...

Non sei canto percorredes o Conservatorio, pero a pequena exposición que montamos co motivo das Letras Galegas deste ano 2010 aínda segue no seu sitio. O certo e que non hai unha data moi obrigada para abandonar as celebracións e lembranzas acerca das Letras, así que aí seguen os quince carteis elaborados polo CPI Virxe dos Remedios de Castro Caldelas. Atópanse no corredor que está na parte traseira da Biblioteca, un espazo (calade, que non se oia...) que estamos a invadir discretamente fai un par de anos.

Un saúdo!