28/6/10

fgbmp

Que ninguén se preocupe, o título non é un exercicio de mecanografía, é o acrónimo de Federación Galega de Bandas de Música Populares. Coido que non é moi coñecida entre nós así que aquí vai un pequeno apuntamento sobre ela. A FGBMP comeza o seu andar en 1987 levando a cabo unha estupenda tarefa de xestión e difusión das nosas bandas de música. Teñen unha coidada páxina na Internet na que recollen información, historia, e un feixe de arquivos de audio que é posible descargar de balde. A Federación ten tamén a súa canle no YouTube no que atopamos numerosos vídeos; eu vos deixo cun deles, o que reproduce o pasodobre Ponteareas que o compositor Reveriano Soutullo adicou a súa vila. Todo obrigado: a FGBMP, Soutullo, e Ponteareas. A banda é a de Catoira, que xa o esquecía...

Ata outra!



21/6/10

Manuscrito achado nunha botella

Pois ata Huesca chegou un dos libros deixado o pasado Marzo na Biblioteca na nosa zona de Bookcrossing. Fai uns días atopaba na miña bandexa de entrada un correo de Bookcrossing informándome de que alguén atopara o libro, pero eu non agardaba que fose tan lonxe. A comparación é ben axeitada: un libro deixado coma un mensaxe nunha botella... e neste caso, achado!
E que máis? ...pois como di a miña nai que non se pode tirar nada, eu vou aproveitar un pouco máis a entrada e o seu título. Manuscrito achado nunha botella e un relato do escritor estadounidense do Século XIX Edgar Allan Poe; e un poema deste autor era empregado por Sergei Rachmaninov para escribir en 1913 o seu Op. 35, a Sinfonía Coral "As Campás", o título do poema de Poe. O certo, é que as veces con algúns autores é preciso tomar un novo camiño como oíntes, facendo un pequeno esforzo por abandonar as músicas máis representativas e ir á procura de outras que, en ocasións, supoñen verdadeiros achados.
Vos deixo entón con esta máis que estupenda música, en concreto co seu terceiro movemento. A orquestra é a Filharmónica dos Urales... outro achado?

Un saúdo!




14/6/10

Unha enchenta de cousas!

Xa non sei cantos días pasaron dende que arranquei a última entrada... É que estes días andivemos nunha morea de asuntos, por outra parte os propios desta época do curso. A ver... o Venres, ás catro, levábase a cabo no auditorio a entrega de premios dos marcapáxinas, CreActividade, Comecontos e a recolleita de refráns e cantigas sobre música e músicos que organizaba o ENDL.
O acto de entrega foi estupendo, poideron asistir todos os premiados, e ademais tivemos moito público xa que o acto coincidiu, máis ben nos colamos... co conto O osito de peluche e os animais. Os premiados do concurso de marcapáxinas son xa coñecidos no Blogue, Dina, Sergio e Carlos. Pablo, o gañador de CreActividade tamén puido recoller o seu agasallo. O Comecontos 2010, do que aínda non vos falamos foi Anxo Fernández Arias, que ao longo do curso fixo vintesete empréstitos, parabéns! En canto á recolleita do ENDL, o premio foise para a nosa violinista Alba Vázquez López... e penso que non me resta ningún...
E o Venres, OOHHH!!!! pechábase a Biblioteca ata o vindeiro curso; agora é o momento de facer resumo, ou memoria que é o termo oficial. Xa vos traerei unha breve adaptación blogueira, que non quero ser pesado.

E como quero publicar todo isto xa, ata outra!

4/6/10

Os gañadores!!

Xa temos gañadores do II Concurso "Día do Libro" de marcapáxinas e do de CreActividade, no que a Biblioteca tamén participaba na organización. O traballo gañador dos marcapáxinas correspóndese cunha das nosas contrabaxistas, Dina Durán Rodríguez; o de CreActividade co percusionista Pablo del Valle Prieto. No caso dos marcapáxinas, á gañadora foi acompañada polos pianistas Sergio e Carlos Couso Núñez que acadaron o segundo e terceiro premio.

O certo é que os traballos son, como na primeira convocatoria, estupendos. O mellor é que os vexades. E seguide atentos, que nuns días esperamos anunciar a data e hora do acto de entrega de premios.


Parabéns!