29/3/10

Cage

A idea de adicar unha entrada a John Cage deuma un estracto do libro de David Nicholls que atopei na revista Turner 8P, pero ao ir cargando a páxina de Blogger, introducindo o contrasinal, xa ía pensando en unhas cantas cousas interesantes (polo menos para min...) das que quería falar. É certo que as fronteiras do que é ou non é música son moi persoais; eu podo comprender, e moito, que alguén non tolere unha Sequenza de Berio, o 4'33'' de Cage ou un dos Soundscapes recollidos por Murray Schafer, pero tamén debo dicir que eu gosto moito desta pequena desintoxicación das cuartas e sextas cadenciais que as veces resulta a música do Século XX, e que tamén e tan ben pode facerse con, por exemplo, Josquin des Prez. Pero como de todo isto non podo falar, só o farei de Cage.
Vexamos... primeiro unha lectura recomendada, a do libro que mencionaba máis arriba, o de David Nicholls editado por Turner e que está na nosa Biblioteca, e o artigo adicado ao 4'33'' da publicación Turner 8P e que podemos descargar nesta ligazón; e tamén, a exposición La anarquía del silencio. John Cage y el arte experimental que ofreceu o MACBA hai un tempo, e que podemos seguir disfrutando en parte no seu web a través dunha boa cantidade de material. Entre todo el atopamos este estracto do catálogo da exposición, un ensaio tamén sobre o 4'33'' escrito por James Pritchett e que podemos descargar nesta ligazón.
E para rematar, espero que non para rematar con alguén... déixovos co pianista David Tudor, quen o 29 de Agosto de 1952 estreaba no Maverick Concert Hall en Woodstock, New York, a composición de Cage que non nomearei outra vez.

Permitídemo: que gozedes da música!


26/3/10

O gañador é...

...Alfonso Carballo Puebla. Onte levábamos a cabo o sorteo da segunda encrucillada, e a webcam íase cun dos nosos máis xoves guitarristas. Como no primeiro trimestre, nesta ocasión puidemos comentar tamén as respostas que máis difíciles resultaros de atopar: o monxe benedictino, Hucbaldo; Stefan Hussong, o acordeonista xermano; Johann Bernhard, o sobriño de Bach... En calquera caso a experiencia foi moi boa e permitiu observar algunha situación tan singular como alumnos intercambiando respostas ao xeito de cromos. Aquí vos deixo a ligazón á encrucillada resolta.

Parabéns a Alfonso, e ata outra!

25/3/10

Murajazz!

Maña Venres ás 21'00 no Centro de Interpretación das Insuas de Rábade está programado un importante evento musical: a presentación da big band Murajazz. A formación está composta por unha vintena de músicos de toda a provincia dirixidos por Alejandro Troya, un dos profesores de saxofón do noso centro. O lugar de presentación ten moito que ver con todo isto, xa que Rábade foi, a través da súa escola de música e de xeito particular da man seu responsable o saxofonista Armando Morales, onde todo este proxecto xurdiu. Na imaxe, que corresponde á nova recollida onte no xornal El Progreso, podemos ver a formación nun dos ensaios.

Parabéns!

23/3/10

A zona oficiaaaal!!

18'30 horas, catro libros, un cartel e unha ducia de asistentes ao evento. Isto foi a inauguración da nosa zona oficial de bookcrossing. E non quero que soe a lamento, todo o contrario, ademais empresas maiores comezaron con menos... aínda que agora non lembro ningunha... O caso é que foi unha estupenda experiencia. Deixar eses libros para que alguén os leve resultoume semellante a deixar unha mensaxe nunha botella. Os libros eran poucos pero variados: un libro de Delibes, unha novela de terror, un título infantil e outro sobre interpretación de polifonía antiga. Un rato despois de rematar, tres deles xa comezaran a súa, esperamos, longa e boa viaxe... quen o sabe, as mensaxes nas botellas teñen sona de chegar moi lonxe e cumprir a súa encomenda...

Un saúdo!

21/3/10

21 de Marzo de 1685...

...ou o día do nacemento do músico Bach máis recoñecido. Pois si, hoxe fai 325 anos que o moi ilustre Johann Sebastian nacía na pequena pero importante cidade xermana de Eisenach, en Turingia. Non é a miña idea facer agora unha entrada, nin se quera un chisco proporcionada á relevancia de Bach na historia da música, así que adicareime a un par de recomendacións.
O libro La Cantata del Café: la seducción de lo prohibido, escrito por Domingo del Campo e editado por Antonio Machado Libros. A Cantata do Café, o BWV 211, é unha das composicións máis singulares de Bach. Foi escrita probablemente para ser interpretada por el Collegium musicum, que Bach dirixía, nos concertos que celebraban os Venres pola tarde no Café Zimmermann, na cidade de Leipzig. E o tema da cantata? pois esa, por aquel entón, nova bebida que estaba a revolucionar un pouco á sociedade, non só polos seus moitos efectos, senón por todo o que traían as conversas entre intelectuais nos cafés da época.
E a outra recomendación, por se queredes navegar un rato máis pola Internet, é o web www.jsbach.org, unha das máis antigas e serias páxinas adicadas ao compositor.

Ata máis ver!

20/3/10

Exposición sobre as Misións pedagóxicas

O pasado Xoves inaugurábase na Casa das Asociacións, en Santiago, unha exposición sobre as Misións pedagóxicas. A mostra recolle documentos e materiais relacionados con todo o que as Misións levaban naqueles anos aos pequenos pobos e aldeas do país: as bibliotecas escolares, o cine, o teatro... Verdadeiramente merece a pena achegarse a Santiago e coñecer algo máis esta acción educativa que hoxe, se cadra, aínda resulta innovadora. Se non sabedes onde está a Casa das Asociacións, eu non o sabía, atópase no edificio da antiga Estación de Tren de Cornes, de onde saía en 1873 o primeiro ferrocarril de Galicia camiño da estación de Carril. Volvendo ás Misións, déixovos coa nova da exposición no xornal La Voz de Galicia e tamén con este interesante vídeo.

Un saúdo!


19/3/10

Cursos de vento madeira e unha ración de mazás!


Esta entrada supoño que que ten tamén algo que ver cos meus anos mozos como estudante de clarinete... Xa temos toda a información dos cursos que un ano máis organiza o Departamento de Vento Madeira. Sen dúbida xa son parte insubstituible das actividades académicas de cada ano do conservatorio, e ademais cada ano dan uns cantos pasos máis na súa xa boa organización. Se queredes saber mais acerca destes cursos calcade nesta ligazón.
E agora unha ración de mazás, é dicir, unha máis desas invencións para o aparato ese, o da mazá a medio comer. Está ben, trátase dunha singular aplicación para o iPhone que converte a este nunha ocarina. O mellor é velo. A música é a do coñecido videoxogo The Legend of Zelda.

Ata outra!


17/3/10

Sober, Bach, Franck, Hussong... vaia mestura!!

Onte á tarde topábame co meu compañeiro Luis F. Guitián que me recordaba os concertos do ciclo Primavera Musical que organiza a asociación Xuventudes Musicais de Sober. O certo é que me esquecera deles, a pesar de que un interesábame de verdade, o do acordeonista serbio Marko Sevarlic. No programa do concerto, que terá lugar na Casa da Cultura de Sober o 22 de Maio, atopamos música de Bach, Scarlatti, Cesar Franck... Podedes atopar a programación no estupendo blogue No balcón do Sil, que administra o compañeiro Guitián.
O caso é que xa había tempo que quería adicar unha entrada ao acordeón, e isto porque se cadra é este un instrumento que precisa acadar toda a nosa consideración. Pódese dicir que resulta un verdadeiro achado escoitar por vez primeira Bach interpretado nun acordeón, se ata entón só escoitamos música tradicional, sen desprezar esta, por suposto. E aquí vos deixo a un dos acordeonistas máis recoñecidos, o xermano Stefan Hussong. Non podo insertar o vídeo do YouTube pero si a ligazón, merece a pena velo. A música é a do Coral BWV 687 de J.S. Bach.

Ata outra!

16/3/10

Cambio de data para o sorteo!

E logo? non vai ben o Google que non dades coas solucións da encrucillada? O caso é que imos pospoñer uns días o sorteo a ver se a caixa da Biblioteca se enche algo máis. A data será o Xoves da vindeira semana, o 25, ás 19'30. O certo é que máis dunha persoa xa me falou acerca do difícil que esta a ser esta segunda encrucillada, pero eu non atopo o difícil... co Google, claro. Non sei, o monxe benedictino do Século IX anda por calquera texto sobre a historia da música; o sobriño de Bach, pois aparece en todas as xenealoxías; o instrumento experimental... é o empregado por todos os estudosos da música dende Pitágoras.

Moito ánimo e a traballar!

12/3/10

Festival Mozart 2010

Só unhas poucas liñas para informar acerca do Festival Mozart que hoxe se presentaba. Un par de cousas verdadeiramente interesantes: a interpretación do Soño dunha noite de verán de Mendelssohn na forma orixinal de música incidental; unha Frauta máxica para os pequenos cantada en castelán; a presenza de concertos nos museos científicos coruñeses; algúns concertos programados en pequenas vilas fora da Coruña; e as irmás Labèque...

Ata outra!

11/3/10

Jazz en Pontevedra

Xa estamos outra vez por aquí... a segunda avaliación anda xa preto e as ocupacións parecen reproducirse soas... Onte catalogaba o disco do 7º Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, ademais de escoitalo..., e pensaba que unha entrada no Blogue adicada a el era obrigada. O SPJ leva xa nove anos na formación de bos músicos de Jazz, e na súa difusión a través de estupendas gravacións. No seu web podemos atopar moitos contidos de interese: información académica, ligazóns, a súa discografía, novas...
Polo de agora, tedes na nosa mesa de novidades o disco do sétimo seminario.

Que o degustedes!

3/3/10

A 100? ...tamén para eles!

Estes días estaba a preguntarme que ocuparía a entrada número 100 do noso Blogue. Onte, na 99 eran os Biblioburros do Profesor Soriano... hoxe, na 100, outra vez o volven ser. Ocurre que esta mañá atopei un comentario no meu correo acerca dos nosos prezados Luis, Alfa e Beto. Este incluía unha ligazón a un arquivo de audio do pasado 20 de Febreiro da emisora colombiana Radio Caracol, coa nova da filmación dunha película sobre os Biblioburros. O arquivo, esta vez si, puiden traelo ao Blogue. Déixovos con el...

Parabéns para o Blogue, que vós alimentades cos vosos comentarios!

2/3/10

...outra nova de Luis, Alfa e Beto!


Comezamos este mes de Marzo cunha nova dos nosos xa coñecidos Alfa e Beto, os Biblioburros que acompañan ao profesor Luis Soriano polas aldeas de Colombia. No mes de Xullo adicabámoslles unha entrada, e fai uns días podiamos ver unha nova sobre eles no web de CNN México. A nova inclúe un estupendo vídeo, que non puiden incrustar no Blogue polo asunto, ben serio, dos dereitos de autor. En calquera caso vos deixo a ligazón, e unha imaxe que ilustra un pouco máis a labor do Profesor Soriano.

Un saúdo!