30/7/09

Un quilómetro de libros!

Máis en concreto 917,6 metros de estantería é o que Google durante dous anos dixitalizou do catálogo da Biblioteca de Catalunya. Esta é a ligazón á nova no xornal El País. Hai pouco sabiamos tamén do acordo entre a Biblioteca Nacional e Google para publicar os seus fondos dixitalizados en Google Books. Algo máis atras no tempo coñeciamos a Biblioteca Dixital Mundial e a Europeana. O certo e que esta nova serviume de escusa para adicar unha entrada á biblioteca catalana. Verdadeiramente merece a pena coñecela aínda que sexa de maneira virtual. Está aloxada nun fermoso edificio do Século XV que foi hospital. Ofrece un feixe de servizos aos usuarios e publican unha estupenda guía...
Supoño que para nós os galegos que estamos a poñer a camiñar a nosa Biblioteca Galega, esta así coma outras debe ser unha referencia.

Ata outra!

22/7/09

Os consellos de Schumann

Para moitos músicos coma min, os Consellos para os músicos novos. Regras para a casa e a vida de Robert Schumann eran só unhas poucas páxinas que acompañaban ao seu Álbum para a Xuventude, e que a pesar de atoparse aí, tan preto, non sempre eran obxecto da nosa atención. Schumann escribiu este texto en 1848 achegándoo despois á segunda edición do devandito álbum. Son setenta consellos, moitos ben proveitosos, que é preciso coñecer. O documento o podedes ver calcando dúas veces nel ou descargalo nesta ligazón.

Un saúdo!


18/7/09

A revista Código Cero

É posible que se andades a ler estas liñas, que son as dun blogue en galego, esta publicación poida ser do voso interese. Código Cero é unha revista elaborada en Galicia e que trata das novas tecnoloxías. Publícase mensualmente en papel pero é posible descargala de balde nun pdf. Publican un boletín diario ao que un pódese suscribir, ademais da web mesma da revista. A imaxe que acompaña a esta entrada corresponde á portada do último número, o 71, no que ocupa unha parte importante o certame Curtas na Rede 2009. Trátase dunha estupenda publicación que merece a pena coñecer.

Ata outra!

14/7/09

O fulgor e as tebras

É este o título dunha das miñas lecturas este Verán. Foi un achado nas novidades da biblioteca pública hai xa algo máis dunha semana. O libro, escrito por Francisco Xavier Redondo Abal e publicado por Laiovento este mesmo ano, trata como reza o seu subtítulo, das bibliotecas na Galicia da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil. É un traballo que enche un baleiro que había respecto a este asunto, no que atopamos o esforzo daqueles homes e mulleres das Misións Pedagóxicas por levar a cultura ata os máis pequenos recunchos da nosa terra; a creación de centos de bibliotecas en Galicia e a súa posterior destrución polas forzas sublevadas.
Para coñecer algo máis sobre as Misións Pedagóxicas podedes visitar na rede unha exposición que sobre estas organizou hai algún tempo a Residencia de Estudiantes.
Ao respecto de todo isto aquí vos vai un vídeo publicado pola Biblioteca Nacional acerca da enorme labor feita polos que traballaban alí durante eses anos para protexer os libros das bombas que caían sobre a capital.

Un saúdo!


6/7/09

Ray Bradbury ao rescate!

Hai algunhas semanas podíase ler na revista cultural Ñ un artigo acerca do escritor Ray Bradbury. O artigo procedía ao mesmo tempo doutro publicado no diario New York Times. No texto atopamos a participación de Bradbury, aos seus 88 anos, na loita por impedir o peche da Biblioteca H.P. Wright da cidade de Ventura, en California. Ademais, no artigo podemos coñecer a opinión do escritor sobre algúns asuntos como as bibliotecas e a Internet. En canto ás bibliotecas, di que nelas é onde se atopa a verdadeira educación dos rapaces, non nas universidades. O escritor conta como non puido ir á universidade, ao rematar a ensinanza secundaria no tempo da gran depresión, pero sí puido ir á biblioteca pública tres días á semana durante dez anos obtendo así a súa formación; esta experiencia é, se cadra, a orixe deste severo xuizo sobre a educación.
Permitídeme agora unhas poucas palabras acerca de Fahrenheit 451, a obra máis senlleira de Bradbury e unha referencia en canto á lectura e á liberdade de acceso aos libros. Fahrenheit 451 foi publicado en 1953 e levado ao cine en 1966 por François Truffaut cunha estupenda música do compositor Bernard Hermann...
...e levado ao YouTube en 2009 nunha película de animación de Zach Endres que é o que podedes ver abaixo.

Ata máis ver!