26/5/09

Entrega de premios!

Mañá Mércores ás 18'30 na Biblioteca terá lugar o acto de entrega de premios e diplomas do concurso de marcapáxinas. Agardamos a vosa compaña...

Un saúdo!

23/5/09

Os marcapáxinas do concurso!

Xa temos aquí todos os traballos presentados ao concurso. Os dez marcapáxinas. Esperamos que nuns días poidan contemplarse na Biblioteca pero non virtualmente.

Ata máis ver!


20/5/09

Premiados no I Concurso "Día do Libro" 2009


Xa temos gañador no concurso de marcapáxinas!
Miguel Aira Rodríguez, que acadou co seu estupendo traballo, o que podedes ver ao carón destas liñas, o primeiro premio do xurado. Acompañárono Denís Blanco Carleón e Marina Isabel Riesco Amurrio co segundo e terceiro premio respectivamente. Podedes contemplar xa os seus marcapáxinas e de aquí en pouco tempo tamén os outros traballos presentados. Lembrámosvos que a entrega dos premios terá lugar na propia Biblioteca nun acto público, e que o centro contactará cos premiados para concretar a data e a hora deste acto. Os participantes non premiados recibirán un diploma de participación que tamén se entregará no devandito acto.


Parabéns!


Fallo do I Concurso "Día do Libro" 2009

Hoxe fállase o I Concurso "Día do Libro" 2009 de marcapáxinas. O nome dos gañadores publicarase á tardiña nos taboleiros do Conservatorio e neste mesmo blogue. Lembramos aos participantes que a entrega dos premios terá lugar na Biblioteca nun acto público, e que o centro contactará cos gañadores para concretar a data e a hora deste acto.


Moita sorte!

19/5/09

XVII Feira do Libro de Lugo


O Sábado inaugurouse na Praza Maior de Lugo a XVII Feira do Libro. Ata o vindeiro Domingo poderemos disfrutar, ademais das casetas cos libros sempre algo rebaixados de prezo, das diversas actividades que se organizan: concursos, presentacións de libros, contacontos...
Esta é a ligazón ao programa da feira.

Un saúdo!

15/5/09

Concerto da Orquestra de Frautas de Galicia

Mañá Sábado ás 19'00 no Centro Social Municipal de Fingoi en Lugo terá lugar un novo concerto da Orquestra de Frautas de Galicia. Interpretarán música de Albinoni, Mozart, Telemann e Doppler. Será outra boa ocasión de disfrutar desta pouco coñecida pero ben interesante formación. Por certo, o cartel abofé que o traballaron... deíxovos aquí a ligazón para que poidades ver o que agochan os píxeles... aquí vos vai tamén outra ligazón ao programa do concerto.

Que o disfrutedes!

11/5/09

Exposición sobre Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou este ano con motivo das letras Galegas un concurso para a elaboración dunha exposición sobre a obra, época e lingua de Ramón Piñeiro. O gañador na categoría de Educación Secundaria foi o IES de Beade en Vigo, e o de Educación Primaria foi o CRA Mestre Manuel Garcés de Tomiño en Pontevedra. Todos os carteis e os materiais didácticos pódense descargar na páxina do IES de Beade ou na da Secretaría de Política Lingüística... e nós organizamos unha pequena e sinxela exposición cos elaborados polo IES que podedes contemplar no andar superior do Conservatorio detrás da Biblioteca. Déixovos tamén os carteis da exposición para que os vexades dende aí...

Un saúdo!

10/5/09

Ben falado!

O coñecedes? ...é un microespazo da Televisión de Galicia adicado á lingua galega que se emite de Luns a Venres máis ou menos as 15'30. O programa esta dirixido e presentado polo académico e secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Xesús Ferro Ruibal. O seu contido é moi variado, curiosidades do léxico ou da gramática, ditos, o desenvolvemento da nosa lingua na sociedade... Ademáis na Televisión de Galicia dispoñemos da posibilidade de volver ver os programas na súa web na sección á carta.

Un saúdo!

8/5/09

17 de Maio... tamén o Día de Internet

O día 17 imos andar algo apurados coas celebracións xa que ademais das Letras Galegas celébrase o Día de Internet das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Na rede atopamos dúas páxinas ben interesantes e ben cheas de recursos, diadeinternet.org e a web da campaña +internet+galego+futuro 2009 organizada pola Consellería de Economía e Industria. Unha das actividades máis salientables para nós os músicos e que atopamos na primeira das páxinas citadas, é o Concerto en liña e o Concurso Internacional de Composición... déixovos este vídeo que o explica.

Ata outra!


7/5/09

Mostra de material galego

Máis cousas sobre as Letras Galegas... dende onte pola tarde podemos contemplar na Biblioteca unha pequena mostra de material galego e unha lembranza a Ramón Piñeiro. O texto acerca de Piñeiro, que podedes levar, o atoparedes na mesa da fotografía nunha pequena folla de cor azul. Tamén é posible descargalo nesta ligazón.

Ata máis ver!

6/5/09

Letras Galegas 2009... achegámonos!

O vindeiro Domingo 17 deste mes de Maio celebramos o Día das Letras Galegas, adicado este ano ao ensaísta e político Ramón Piñeiro. Este día comezou a celebrarse no ano 1963 coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Dende ese ano, a Real Academia Galega adica esta celebración a unha figura senlleira da literatura galega. Na Internet hai unha morea de referencias, tanto a Piñeiro coma á celebración en si. Aquí vos van algunhas ligazóns...
Xa vos iremos contando máis cousas acerca deste día...

Un saúdo!